martes, 31 de julio de 2012

Tres serráns, dous pulpiños e unha maraghota


La Opinión. Por Antón Luaces

Teño un bó amigo en Queiruga -terra moi definida polo mar e o vento con furnas, pequenos cabos e calas deliciosas para o baño e a pesca de lecer- co que medio discutín porque dixo que el, que naceu alí e após dunha longa estadía en mercantes ao ser capitán retornara á súa casa "de toda a vida", pescara nas furnas tres serráns, dous pulpiños e unha maraghota.

(Os de Queiruga, como os de moitos outros sitios de Galicia denominan "pulpo" -diminutivo pulpiño- ó que segundo a normativa é polbo. Tamén conxugan os verbos doutro xeito e din "pesquín" onde deberían dicir "pesquei". Pero falaron e falan así e que o Enxeñeiro do Mundo lles conserve a fala que os identifica co seu berce).

Cando tal me dixo este amigo capitán, boteilla: "Es un furtivo, machiño".

Foi como se lle malnomease a nai. A súa faciana volveuse a dunha fera, cos ollos botados, os dentes arregañados coma un lobo e, case, case, cuspíndome, coas mans tensas.

"Furtivo eu, furtivo eu? Non me fodas (dixo ghodas, verdadeiramente). Desde que nasín veño e vimos aquí, ás furnas, a coller un par de pulpiños e unha piñoca de persebes para faser un arrós. Non dighas que eso é ser furtivo. Furtivos son os do sur, que veñen pola noite a faser destraghos no mexilón arrincando a pedra.

Asasinos son os que verten ao mar a merda das sentinas do seu barco e que, ao chegar ás pedras, invalidan estas para a recuperasión da mexilla pola película de ghrasa que deixan na rocha. Furtivos e asasinos, che, non somos os de Queirugha por ir de cando en ves coller uns mexilóns para faser sopa. Pareses un dos vixilantes da confraría de Porto do Son, que sempre andan coa mesma matraca e semella que non se enteran do que pasa por aquí de noite".

O meu amigo non considera furtivismo pescar de cando en vez, e sempre para consumo, non para vender, tres serráns, dous pulpiños e unha maraghota.

"Que mal fagho? Son mariñeiro de toda a vida e cando me peta agharro un liñón e mato o tempo libre no que me ghusta. Non prexudico a ninghén. Pesquín toda a vida, quitando o tempo que naveghín. E aghora vés tí e chámasme furtivo. Polos cravos de Cristo, meu, vai ao carallo".

En Queiruga hai sempre un son de fondo, unha música con sordina das furnas, dese Atlántico que levou ao veciño castro de Baroña a converterse nun fortín coas rochas que o abrigaban do mar e as murallas defensivas que construiran máis aló das vivendas.

Xa de noite matinaba eu sobre a diferenza que pode haber entre un furtivo e un cidadán que se entretén pescando tres serráns, dous pulpiños e unha maraghota. A nai do meu amigo chamoume: "Ven picar un pulpiño antes de sear. Colleuno miña neta hai unha semana e para non masalo conxelino e tá brandiño. Próbao. É ghloria bendita".

Probeino. Polbo da pedra. Sobre un quilo.

Nestas apareceu o meu amigo, recén duchado e, sorprendido dixo: "Carallo, rapás! Estás a comer o pulpiño dun furtivo. Vante multar. Non che remoe a consiensia? Faltas á norma porque, eu serei furtivo mais se ti comes o que eu roubo, tamén es un ladro".

Veume á cabeza o Servizo de Inspección Pesqueira, Gardacostas, Seprona, Inspección comunitaria, Garda Civil, Servizo Marítimo de Aduanas, a Armada... e pinguei un anaco de pan no aceite, sal e pemento que me chamaba desde o prato de madeira.

Ainda agora non sei a diferenza entre o furtivo e o que pesca porque lle gusta. Tirei como conclusión que o furtivo vende o que pesca e o outro non. Mais o dano ven ser o mesmo a efectos contables no stock.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario