sábado, 4 de octubre de 2014
As levadas de San Miguel de Presqueiras
Aínda que a parroquia forcaricense de San Miguel de Presqueiras é máis coñecida por albergar os restos da fortaleza medieval dende a que os xuices meiriños, nomeados polos arcebispos de Compostela, administraban a Terra de Montes, posúe un patrimonio etnográfico que, aínda que menos coñecido, xogou un papel moi importante na vida da comunidade: trátase do conxunto de levadas ou presas que servían para regar os campos ou dar servicio aos muíños. Hoxe en día, por iniciativa da comunidade de montes da parroquia, e dentro do proxecto de custodia fluvial nas bacías do Ulla, Umia e Lérez, estánse a levar a cabo actuacións na levada do Castro, de case dous kilómetros de lonxitude, coa finalidade de poñela en valor.
A auga sempre foi un ben moi preciado nas montesías terras da comarca de Montes, polo que para o seu aproveitamento fixéronse necesarias estruturas que nalgunhas ocasións alcazaban dimensións enormes en relación coa tecnoloxía do momento.
Esa necesidade de auga traduciuse na construcción de presas para embalsala primeiro e encanala despois por medio de levadas, ás veces de varios kilómetros, coa finalidade de utilizala na rega dos campos ou para dar servizo aos muíños.
Na parroquia de San Miguel de Presqueiras, concello de Forcarei, hai varias destas levadas --alí chamadas presas--, pero unha destaca sobre as demáis polas súas dimensións: a levada do Castro, tamén coñecida como da Cabreira, con case dous mil metros de percorrido e unha altura que en algún tramo pode chegar a varios metros. Descoñécese a data da súa construcción, pero non cabe dúbida de que o traballo desenvolvido polos canteiros debeu ser enorme.
A levada comeza nunha présa ao pé da pequena península sobre a que se achan os restos da fortaleza medieval dende a que os xuices meiriños administraban os intereses dos arzebispos de Santiago na comarca, lugar que se coñece como o Castro. Do pequeno embalse sae a levada, que vai bordeando a defensa natural e despois dun tortuoso percorrido remata no lugar de Morgade, ao que antano abastecía de auga.
Dende o seu inicio, a levada e o río van diverxendo pouco a pouco polo profundo canón en distancia e en altura, e entre ambos aséntanse aínda hoxe os campos que ata non hai moitos anos eran regados pola auga da presa, e aos que os viciños da parroquia tiñan acceso por varios pontillóns.
En algúns lugares a levada sosténse sobre muros feitos de grandes cachotes de pedra, cuxa dificultade de transporte e colocación debeu ser enorme a teor da pendente do terreo. Noutros puntos foi preciso rebaixar a rocha para deixar pasar a corrente de auga.
Tamén se fixo necesario levantar taludes de cachotería no río para conter as cheas e que estás non comeran a terra onde se asentaban os prados. Antano facíase necesario aproveitar calqueira anaco de terra, pois o reparto das propiedades entre os herdeiros a partes iguais levaba a que estas acabaran reducidas ás mínimas dimensións.
Neses campos de herba sempre vizosa e auga abundante os viciños levaban a apacentar as vacas. A xestión era comunal e sostible, e cada casa tiña dereito a unhas horas de rego que se rexían mediante acordos que se respetaban de xeito escrupuloso.
O deseño e construcción desta auténtica obra de enxeñería correu a cargo dos canteiros do lugar, posuidores dun coñecemento técnico que pasaba de pai a fillo e de mestre a aprendiz. Mostra da súa habelencia é o feito de que a obra continúe en pé hoxe en día en case toda a súa totalidade, aínda que algo abandonada.
A Comunidade de Montes de San Miguel de Presqueiras está a levar nestes intres una importante laboura de recuperación da levada, dentro do proxecto de Custodia Fluvial nas bacías do Ulla, Umia e Lérez, coa sinalización e limpeza da mesma. A idea é a conservación dun patrimonio natural e cultural de notable interese.
Fonte: Faro de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario