Corría o ano de 1622, cando o cartógrafo Pedro Teixeira ía dar comezo ao monumental traballo de debuxar coa máxima precisión posible a costa peninsular española. O apaixonante reto respondía a un encargo persoal do rei Filipe IV que daría como resultado un fermosísimo e completo Atlas, unha xoia esquecida durante máis de trescentos anos recuperada hai un tempo na Biblioteca de Viena e publicado en forma de libro en coidada edición polos seus descubridores: Pereda, F. e Marías, F. (edit): El Atlas del Rey Planeta. La Descripción de España y de las costas y puertos de sus reinos, de Pedro Texeira (1634), 2002.
Como representacións da realidade, os planos e mapas falan a lingua dos seus autores. Estamos ante construcións ideolóxicas e produtos históricos que seguen as súas propias iconografías. Ao mesmo tempo, son representacións selectivas da realidade, por isto realzan aquilo que queren destacar. De aí que o encargo dado a Teixeira de efectuar un exhaustivo informe da situación defensiva das costas, leva o autor a centrar a atención nas condicións de desembarco, na posición das defensas existentes e, dun xeito máis pormenorizado, naquelas prazas fortes máis destacadas. Incluso a particular perspectiva adoptada polo autor para representar os establecementos costeiros, vai orientarse a facilitar a identificación rápida dos diversos atributos defensivos do lugar.
No caso que nos ocupa, o mar da ría de Muros-Noia aparece como protagonista ocupando un lugar destacado. A mirada do cartógrafo detense na presenza de barras, praias, illotes e outros elementos relevantes para a navegación costeira. Igualmente, naves de distinta categoría sinalan o axeitado dos portos e fondeadoiros.
Atención especial no Atlas merecen as entidades de poboación máis sobranceiras na liña de costa. En primeiro plano, nas proximidades do senlleiro relevo de Monte Louro, a enseada de San Francisco, co próximo convento que lle da nome, supón o primeiro sinal de promesa de refuxio nas interiores augas da ría. Logo, dobrada a punta de Rebordiño, ao abrigo do monte, a vila de Muros agocha o seu casarío a quen penetra na ría polo mar.
Nese tempo, xa o arrabalde mariñeiro da Ribeira gañara a partida á antiga vila murada estirando a localidade urbana en paralelo ao areal da enseada. O forte de Muros, recinto construído para os novos tempos da pólvora, preséntase como o novo baluarte defensivo para unha vila tan exposta ao perigo atlántico.
Na ribeira oposta, ollado na distancia do ancho da ría, o pequeno e bravo enclave pesqueiro de Porto do Son repousa os seus alicerces directamente sobre a area, co Caudillar e a Parede como relevos destacados nos que sobresae o outeiro en granito da Atalaia coroado por unha pequena ermida, para xuntos protexeren o enclave dos embates dun atlántico aquí aínda bravío.
E no fondo da ría, a singular vila de Noia. Abrazada toda ela por unha pétrea muralla rematada en ameas, e na que destacan un conxunto de altas e poderosas torres que gardan portas, aparece como un enclave dificilmente atacable, case inexpugnable. Ata esta vila costeira, agochada e afastada, achéganse porén grandes barcos logo de sortear os obstáculos presentes na ría, ao que hai que sumar aquí o impedimento que supón a presenza ou ausencia de auga en función das mareas.
En definitiva, a mirada de Teixeira apórtanos unha visión orixinal e precisa dos bordos da ría de Muros-Noia de principios do XVII, un salto importante en canto á calidade da información cartografada, se o comparamos con todo o que existía ata ese momento, e por tanto unha valiosa fonte de coñecemento da época.
No hay comentarios:
Publicar un comentario