«Os mariñeiros profesionais estamos moi controlados. Eles tamén o deberían estar»
Como moitos dos veciños da Illa de Arousa que teñen a súa idade, Juan José Rial empezou a ir ao mar cando era un rapaz. Ser mariñeiro profesional é un orgullo para este home, que anda alternativamente ao marisqueo, ao camarón e ao xeito. É, polo tanto, un bo coñecedor do que pasa na ría de Arousa, o seu lugar de traballo desde hai varios decenios. Aquí conviven pesca profesional, pesca deportiva, marisqueo e acuicultura.
-O censo de pescadores deportivos di que son 72.000 en Galicia. ¿Que lle parece esa cifra?
-A verdade é que me parece unha barbaridade. Só con que cada un deles colla o que lle pertence, o que lle marca a lei, xa é unha burrada. E aínda é peor porque o que eu vexo é que moitos deles non collen só as cantidades que teñen autorizadas, se non que o que fan é arrasar con todo o que atopan, sen que lle importen nin quilos, nin tallas, nin nada.
-¿O pescador deportivo é un competidor para o mariñeiro profesional?
-Eu penso que si. Primeiro, porque se non atenden a topes nin a tallas acaban por afectar ao recurso co que nós traballamos. Iso, á marxe de que moitos pescan de máis e logo sácanlle beneficio ao vender o que collen, e o que venden eles non o vendemos nós. Non digo que o fagan todos, pero hai moitos que si o fan, porque non están sometidos a ningún control.
-¿Deberían estar máis controlados?
-Claro. Nós, os mariñeiros profesionais estamos moi controlados e eles tamén o deberían estar. Nós temos topes de capturas, temos que atender aos tamaños, temos horarios de descanso semanal... Eles, en cambio, non están sometidos a ningún tipo de control, poden ir ao mar cando lles dá a gana. Iso, polo menos, é o que se ve no mar.
-¿E deberían?
-Dalgunha forma deberían estar controlados coma nós. Non sei como se podería facer, non sei cal sería a fórmula, nin a quen lle correspondería, pero tiñan que estar controlados dalgunha maneira.
-A conselleira do Mar, Rosa Quintana, fixou coma obxectivo do seu equipo facer que o mar teña futuro como campo de traballo. ¿Vostede como ve a situación? ¿O mar ten futuro?
-Eu penso que si, polo menos na ría de Arousa, que é o que eu coñezo. Creo que os profesionais xa entramos polo aro, e ademais está habendo moitas axudas para recuperar praias e zonas produtivas. Ademais está habendo moito control, e iso é bo, aínda que co furtivismo nunca se vai acabar de todo, furtivos sempre vai haber. O único malo nestes momentos son os prezos. Somos un sector ao que lle afecta moito a crise, nótase ben nas lonxas. Pero de momento sobrevivimos. Levo moitos anos nisto, teño vivido anos moi bos e outros moi malos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario