Fotografía antiga de dous pescadores preparando redes de pesca no río Miño, augas abaixo da ponte dos Peares |
Unha sonora interxección de abundancia. Esa é a resposta sempre que se lle pregunta aos pescadores máis veteranos pola fauna piscícola en tempos de máis abundancia que estes. Eran tempos nos que os peixes «fervían» nas augas do Miño, e nos outros ríos e regatos tributarios. Incluso cos encoros xa construídos, nada tiña que ver aquilo coa escaseza de agora nas terras de ribeira das comarcas de Chantada e de Lemos.
Daquela chegábanse a sacar máis de cen quilos de anguías nunha soa noite. podíase botar un trallo para enchelo en pouco tempo de bogas de ata tres cuartos de quilo. Hoxe as bogas están en recesión, desprazadas ou devoradas pola perca negra (Micropterus salmoides) ou black bass, un recente intruso que os pescadores de ribeira seguen sen saber como acabou aquí. Pero é que ademais xa levan tampo extinguidas a lamprea (Petromiyzom marinus), o salmón (Salmo salar) e o cangrexo europeo (Austropotamobius pallipes).
Manuel Lorenzo traballa cunhas cepas ao lado do río Miño en Belesar |
José Taboada López, de 87 anos, e Manuel Lorenzo Nóvoa, de 59, son testemuñas daqueles tempos. Os dous viven en Belesar, e teñen as súas casas unha fronte da outra, cada un nunha beira do Miño, José na do Saviñao e Manuel na de Chantada. Estes dous pescadores lembran os tempos nos que ir a pesca non era precisamente un pasatempo e nos que se utilizaban todo tipo de artes, físicas ou químicas, para facerse co pescado. Non había vedas, así que, sempre que se empregase unicamente a cana, os pescadores non cometían ningunha ilegalidade.
«Agora xa non ten nada que ver, pero se fose daquela, un día como hoxe tiñan que estar os peixes en bandadas pola cima da auga», explica Manuel. Efectivamente, hai moito que xa non se ve tal cousa. «¿Como se van ver os peixes, se non os hai?», afirma. Este pescador recorda aquela abundancia cando era novo, hai trinta ou corenta anos, incluso despois da construción dos encoros no Miño.
José Taboada, coñecido tamén como Pepe do Maestro ou Paradela de Belesar, é máis veterano. Camiño dos 90 anos, lembra ver machear as troitas, cando moitas femias se poñían unha canda outra fronte a unha cascada para que o macho as fecundase. «Unha vez collín unha de sete quilos e medio á cucharilla», conta cun sorriso. Ao contrario de Manuel, José si pode falar da época na que se pescaban lampreas nestre tramo do Miño, porque aquilo acabouse cos encoros. «Criaban aquí nos areais -lembra-, sacabas unha pouca area cun rodo e víanse mover». José pasou moitas noites nos caneiros: «En Belesar había oito ou dez e nós tiñamos un fronte ao regato de Camporramiro no que se collían troitas e lampreas».
Estes dous pescadores coñecen todas as trampas correntes naquela época, erradicadas hai tempo por ilegais. Habíaas artesás e ao alcance de calquera, como a prática de esmagar raíz de torvisco ou cáscaras verdes das noces para botalas nun regato para matar troitas e anguías.
José Taboada, na súa casa cun trofeo de pesca |
Outras precisaban máis preparación e máis medios, incluso os que proporcionaba o contrabando. Os dous lembran o que os pescadores daquela época coñecían como coca. Tiña apariencia de graos de café. Había que esmagalos e despois mesturalos con cabichas, miñocas, pan vello ou pementa picante. José descubriu con sorpresa esta técnica un día que pescaba á sombra un pouco máis abaixo da igrexa e viu como os peixes deixaban a auga pola terra. Outro pescador que andaba por alí, un tal Ramiro, preguntoulle disimulando se picaban. «Eu contesteille que estaban tolos». Pouco despois contáronlle que o tal Ramiro botara no río aquela mestura de coca e outros produtos. «Poñía loucos os peixes e botábaos ao seco», recorda.
Nin José nin Manuel se extralimitaron nas artes prohibidas de pesca, como os que usaban lixivia ou cloruro concentrado nunha sustancia sólida branquecina en pedra ou en pó. Aquilo tinguía os ríos de branco e mataba toda a fauna acuícola. Os dous viviron tamén os tempos das explosións, aínda que ningún deles usou nunca dinamita nin bombas das festas para pescar. Pero si as teñen oído estoupar.
Colección de pezas, propiedade dun pescador de Chantada, que se empregaban na elaboración de artefactos explosivos para a pesca ilegal nos ríos |
Ao máis puro estilo do oeste americano, colocábase un pistón ou detonador dentro do cartucho. Despois poñíase unha mecha curta no pistón, apretábase cos dentes para doblar o metal e amarrala ben, e logo dende unha rocha da beira ou dende as polas dun ameneiro sobre o río, controlábase a troita, o salmón ou o banco de peixe. Só quedaba encender a mecha e calcular un tempo para que non se chegase a mollar moito.
Era unha tarefa perigosa na que máis de un, en vez de levar os peixes á man, acabábanlle dando a man aos peixes. Eles saben de varias persoas que quedaron sen unha man ou sen dedos por culpa dos explosivos. «Un do Matías, o Cachorro, un de Nogueira e algún máis», comenta José. Os cartuchos máis potentes, eran os da dinamita que os furtivos chamaban rubia, pola súa cor. Mercábanse no polvorín de Chantada ou na popular tenda do Moncho da Visita, nesta mesma localidade.
A pesca con explosivos tiña riscos obvios para a integridade física de quen prendía os cartuchos, pero tamén era fácil perder unha parte da pesca. «Un 15 de agosto -recorda Manuel- andaba unha troita grande coa aleta fóra da auga, tocada por unha explosión, e non tardou en marchar ao fondo morrendo, pero o meu irmán, que sabía mergullar ben, botouse, colleuna e deulla ao que tirou o cartucho». Aquela troita pesou «dezaoito libras galegas [10,3 quilos]» e o seu irmán e máis el gañaron un convite nunha festa.
Tramo do Miño coñecido como Os Poexos. Un pouco máis abaixo deste lugar tiña a familia de José Taboada os caneiros nos que pescaban troitas, anguías e incluso lampreas |
Tamén era común o uso como explosivo de carburo de calcio, o combustible co que ardían os candís, nos que se mestura con auga en pequenas doses para producir gas acetileno. Cando esta mestura é desbordada nun recipiente pechado, provoca unha potente explosión. Os furtivos facíano cunha botella vella de gasosa, das que tiñan una boliña de cristal, á que lle ataban unha pedra pesada para mandala ao fondo do río. Cando a auga entraba na botella, estoupaba e a onda expansiva acabana con todo nun radio máis ou menos amplo.
Naquela época de abundancia nos ríos, non todo eran artes ilegais. Manuel Lorenzo Novoa recorda as nasas que facían os cesteiros con madeira de salgueiro. Eran longas e con forma de tubo e funcionaban como un ichó para perdices, unha trampa que se abre cara adentro pero non para fóra. Tamén os chamados galeritos, que se compraban nas ferreterías de Monforte «para o peixe, a troita ou o que caese».
Na pesca fluvial empregábanse tamén redes, de diferentes tipos e tamaños. E cordas, que se armaban deixando un sedal atado á beira cun anzol e cebo toda a noite. Pola mañá había que ir cedo para recoller o que quedara prendido. Ás veces armábanse varias cordas colgadas dun trasmallo que cruzaba o río. Os pescadores de Belesar ían buscar o cebo a Diomondi, á Lama da Veiga, daquela un prado encharcado e hoxe un campo de fútbol abandonado. «As charcas tiñan uns peixiños -explica Manuel- que se usaban para cebar os anzois das cordas, aínda que tamén usabamos lezma negra». Ata hai corenta ou cincuenta anos, aquel botín de troitas e anguías das cordas podía entregar a algúns chóferes dos autobuses da Empresa Monforte, que despois a vendían na praza a corenta pesetas o quilo.
A pesca con artes prohibidas estaba moi extendida no Miño, como o demostran as múltiples referencias a esta prática ilegal que se poden atopar na prensa local das primeiras décadas do século XX, como esa do periódico Semana Chantadina: «Nos consta que tres perillanes del Puente, cuatro guapos de San Esteban y un gayo de otro sitio, han echado sulfato en el río más de dos veces, en las cuales se habló de 18, 14 y 10 libras de truchas exterminadas. ¿Les parece bien a las autoridades? Siga la órdiga. En Chantada parece que los ríos, lo mismo que los hombres, están dejados de la mano de... Neptuno».
O 14 de xuño de 1912, El Centinela relataba así de indignado un episodio de envenenamento da auga no Asma e no Miño: «Tenemos noticias de que en el río Asma, un centenar de metros abajo de la planta eléctrica y aún en el Miño muy cerca el puente de Pesqueiras, se han envenenado las aguas, hace días, con objeto de pescar truchas sin dificultad ni molestia alguna. Nosotros ignoramos quiénes fueron los autores del salvaje hecho, mas no pongan en duda que constancia todo lo hace y llegará y el día en que tengamos la satisfacción de ver entrar en la cárcel a quien no tan solo burlando las leyes, sino cometiendo un atentado a la salud pública, se ría a hurtadillas de las conveniencias y riqueza que sería para el distrito el proteger la cría de truchas en los referidos ríos».
O redactor desta nota de El Centinela incluso lle dirixía serias advertencias aos furtivos: «Nuestra misión no es la de denunciantes, pero tratándose de un hecho que por igual perjudica al vecindario estamos dispuestos a todo con tal de esclarecer los hechos y auxiliar a la justicia que se encargará más tarde de aplicar el debido correctivo a tan asquerosos como cobardes malhechores».
No hay comentarios:
Publicar un comentario