lunes, 14 de mayo de 2012

Campionato de Pesca da Festa da Troita de Oroso 2012



José María Blanco Otero, co cupo de dez pezas cuberto, proclamouse gañador do XVI Campionato de Pesca da Festa da Troita, o primeiro que se celebra baixo a modalidade de pesca sen morte e baixo as regras da Federación Galega de Pesca. Uns cambios que, unidos ao incremento de tempo de pesca, melloraron o número de capturas total do campionato: 42 pezas, fronte ás 27 capturadas na edición de 2011.

O segundo clasificado foi Miguel Castro Maroño, con 9 pezas, e José Manuel Rey García, con seis. O resto dos galardoados foron Roberto Espiñeira García (4º), José Luís Blanco González (5º), José Eiras Rodríguez (6º), Javier Torres Precedo (7º) e Antonio Andrade Sánchez (8º). Todos eles recibiron cadanseu trofeo conmemorativo de man das distintas autoridades presentes na XVI Festa da Troita, presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira. 

O XVI Campionato de Pesca celebrouse na xornada do sábado, en dúas quendas de 9:00 a 13:30 horas e de 16:00 a 20:30 horas, no canto de ter lugar na mañá do domingo. Como cebos só se permitiron culleriñas (xiratorias ou ondulantes simples en calquera das súas variantes. Cun só anzol pero sen plumas, pelos, la, etc) e un máximo de tres moscas artificiais co uso da boia ou buldó (fitos na sedela o baixo de liña). Os anzois, tanto das moscas como das culleriñas, estaban desprovistos do arponciño ou semellante, para poder devolver a peza ao río.

O coordinador da Festa da Troita, Antonio Leira, amosouse moi satisfeito polo desenvolvemento da proba baixo a modalidade de pesca sen morte, “pois é máis respectuoso coa natureza e pensamos que, de xeneralizarse a súa implantación en Galicia, os afeccionados á pesca poderían desfrutar deste deporte durante moito máis tempo”. 

En canto ao concurso infantil, o primeiro premio conseguiuno Álex Espiñeira Faura, de 14 anos, que tamén cubriu o cupo de dez capturas. Completaron o pódium Joel Fernández Blanco e Brais Pereiro Viña, con 7 e 6 capturas respectivamente. En total, foron 15 os participantes deste ano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario